Expándese cara aos lados, espléndida, sen límites. Coma as aves do paraíso, catívanos. Un corpo exuberante e poderoso que se abre camiño estendendo ás imaxinarias. A luz proxectada desde o teito ilumínaa e acentúa a súa presenza e lixeireza.
Curvas que se moven abrazando o aire, entretecéndose entre si, creando un movemento singular que se converte en baile, en ritual. O océano elevándose, un río xogando. Unha recreación da natureza sempre salvaxe, única e inabarcable. Arturo Álvarez volve reinventar de maneira lúdica formas naturais e fermosas que non deixan de nos cativar.
Contundente, magnífica e rotunda, rende homenaxe á cidade que lle dá nome. Cargada de simbolismo, a beleza do seu misterio maniféstase nas curvas e voltas sobre si mesma. Iluminada desde o teito, remarca os volumes, proxectando belas e delicadas sombras.
Savia é unha recreación da árbore do mundo na mitoloxía nórdica, que conecta co cosmos. É o eixo central e símbolo da vida, do coñecemento e do destino. A escultura, coas súas múltiples curvas que se entrelazan delicadamente, acada maxestosidade e elegancia.
Un símbolo vinculado a Santiago de Compostela e a súa lenda. A Vía Láctea como guía para os peregrinos ao longo da historia. Unha escultura suspendida de grande formato, con forte presenza visual. Ao ser iluminada desde o teito, reforza o seu carácter e transforma o espazo, enchéndoo de misterio e forza poética.
Alegoría sobre o deus grego do vento do oeste. A escultura transfórmase, coas súas delicadas curvas, nun aire suave e apacible, mensaxeiro da primavera e fecundador da terra. A peza é delicada e, ao mesmo tempo, contundente: unha brisa suave chegada de poñente.