Autodidacta, rebelde, sempre curioso, non lle gusta impoñer límites. Na súa traxectoria hai tres momentos definitorios. Durante os primeiros anos explora e traballa con conceptos figurativos, baseados na natureza. Nun segundo período, avanza cara á abstracción explorando formas xeométricas simples. Sen abandonar as referencias á natureza, aparece o corpo humano, un tema que se repite e no que continúa investigando ao longo dos anos. Na actualidade, Arturo Álvarez está a desenvolver novas formas de expresión e linguaxe, coa luz como tema principal e o ser humano e as súas relacións como protagonista, coas súas luces e sombras, encontros e desacordos, temas que lle preocupan e nos que profunda a partir de diferentes técnicas e materiais.
O recoñecemento do seu traballo, ao longo dos seus vinte e cinco anos de carreira, chegou en forma de prestixiosos premios internacionais e numerosos premios como innovador no campo da luz.
En xullo de 2020 o creador Arturo Álvarez puxo fin a unha etapa da súa vida laboral e creativa vendendo a empresa de lámpadas que fundou hai vinte e cinco anos. O seu traballo céntrase, na actualidade, na realización de esculturas, pezas únicas ou limitadas, coa luz como fío condutor. Seguirá defendendo os mesmos valores que lle deron recoñecemento internacional: honestidade, profesionalidade e unha visión humanista da vida.